19 de outubro de 2017

I Asemblea de Delegados/Delegadas/ Subdelegados/Subdelegadas

Onte celebrouse na biblioteca do cole a I Asemblea de Delegados/Delegadas/Subdelegados/Subdelegadas.

Os representantes das diferentes clases foron expoñendo as súas propostas.

A verdade é que tomaron moi en serio a responsabilidade que lles outorgou Inzilbeth de xestionar a biblioteca, pois sairon multitude de ideas brillantes. Se pinchades na seguinte imaxe podedes ler algunhas delas.


Despois de escoitar a todos e todas, fomos organizando a información e repartindo as tarefas que se propuxeron entre os diferentes cursos, quedando desta maneira:

  • Infantil: encargarase da decoración da biblioteca.

  • Primeiro: redactará as normas.

  • Segundo: representarán un conto na biblioteca para darlle a benvida aos nenos e nenas de tres anos.

  • Terceiro: explicarán aos compañeiros/as como podemos facer para ter unha biblioteca sostible, respetuosa co medio ambiente, e elaborarán as papeleiras para reciclar.

  • Quinto: organizarán as ideas que foron saíndo na asemblea relacionadas coas actividades que se levarán a cabo na biblioteca na hora dos recreos e polas tardes. Logo explicaránllas ao resto de compañeiros/as do colexio.

 

Na Asemblea, ademais da xestión, organización e funcionamento da biblioteca, falamos de outras actividades que se celebran no cole e que tamén poden ser organizadas polo alumnado.

Así, os nenos e nenas de cuarto xa están organizando o Concurso de Trompos, os de terceiro están dispostos a axudar a preparar a festa do Magosto ( elaborarán carteis anunciando a festa, o programa do día, etc) e os de sexto atrévense coa organización do Festival de Nadal (casting de presentadores e presentadoras, elaboración de horario de ensaios, decorado...)

Por suposto, as mestras e mestres tamén teñen as súas tarefas.

  • Apadriña unha estantería. Organizarán as estanterías da biblioteca para que cada clase apadriñe unha e a manteña ordenada durante todo o curso.

  • Organizar aos Voluntarios/Voluntarias de biblioteca durante os recreos.

  • Formación de usuarios da biblioteca e do programa Meiga.

  • Posta en marcha do Club de Lectura.

 

Quedan aínda moitas tarefas que levar a cabo ao longo do curso, pero iremos amodiño para facelo o mellor posible. 

Inzilbeth seguro que estaría ben orgullosa de nós.


Ningún comentario:

Publicar un comentario